A Deputación de Pontevedra está a informar dun novo paso dado dentro da institución provincial a prol de levar a un plano dixital os labores de comunicación e tramitación de xestións coa cidadanía. Desta volta, o pulo tecnolóxico en cuestión foille dado ao ORAL (Organismo Autónomo de Recadación de Arbitrios e Taxas Locais), de xeito que os pontevedreses e pontevedresas estarán a partir de setembro en disposición de pagar os tributos do devandito ente da Deputación a través de Internet.
O principal obxectivo desta aposta pola e-Administración é facilitarlle no posible os trámites á cidadanía, amais de cumprir cos regulamentos que obrigan ás institucións locais a dixitalizar e (polo tanto) universalizar os servizos da devandita índole a partir do ano vindeiro.
A iniciativa foi presentada polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, quen informou a maiores que o órgano provincial leva investidos case 15 millóns de euros en modernizar as comunicacións e instalar redes WiMAX para máis de medio centenar de concellos da provincia. Amais disto, engadiu, segue en marcha o proceso de dotar de tecnoloxías da comunicación a resto da administración pública.
A veciñanza de Pontevedra poderá pagar os tributos do ORAL por Internet
Compartir Este Artigo

