Esta mesma mañá, no marco da presentación da nova versión do CORGA, o Corpus de Referencia do Galego Actual, que tivo lugar no Club Internacional de Prensa en Santiago de Compostela, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, afirmou que desde Política Lingüística da Consellería de Educación e O.U. están “completamente decididos a potenciar a lingua galega a través dos novos recursos tecnolóxicos”, unha declaración moi acertada que salienta, aínda máis se cabe, as vantaxes das novas ferramentas incluídas no devandito proxecto.
Esta iniciativa do Centro Ramón Piñeiro, acada as 25 millóns de formas e inclúe novas aplicacións que permiten desenvolver unha análise da nosa língua moito máis sofisticada do que xa de por sí o facía.
En concreto, o CORGA consiste nun corpus de documentos en formato electrónico no que están representados os diferentes tipos de textos (xornalísticos, divulgativos, literarios, etc.) da lingua galega actual, desde 1975 ata a actualidade. Entre os principais avances que incorpora esta última versión do CORGA atópase o desenvolvemento do Etiquetador / Lematizador do Galego Actual (XIADA), que engade información gramatical sobre as palabras e un sistema de busca por palabra moito máis avanzada. Os outros dous recursos lingüísticos que se proporcionan son a lista completa de formas ortográficas diferentes (386.000) presentes no CORGA, xunto coa súa frecuencia de ocorrencia, e unha ferramenta que achega diversa información sobre cada palabra.
A aplicación está dispoñible na Rede e o rexistro no sistema é de balde. Os sistemas e recursos relacionados con este proxecto están destinados principalmente aos investigadores da lingua galega actual nos diferentes ámbitos, fornecéndoos con ferramentas que lles permitan, por unha banda, obter datos de diversa índole relacionados co emprego da lingua e, pola outra, desenvolver ferramentas de análise do galego cada vez máis sofisticadas.
Esta aposta pola investigación e as novas tecnoloxías conforman, segundo afirmou Lorenzo, “unha liña de actuación prioritaria da política lingüística do Goberno galego”, que ten como obxectivo “fornecer produtos e servizos electrónicos que fagan posible acceder aos recursos que ofrecen as novas tecnoloxías empregando a lingua galega”, comentou.
Ademais do secretario xeral, tamén participaron no acto de presentación Guillermo Rojo, director técnico da área lingüística do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e Eva Domínguez e Mario Barcala, coordinadores da parte lingüística e da parte informática do proxecto, respectivamente.
O Centro Ramón Piñeiro presenta unha nova versión do CORGA
Compartir Este Artigo

