BSA (Business Software Alliance), a asociación que representa á industria do software na defensa dos seus dereitos de Propiedade Intelectual, coñecida mundialmente pola súa iniciativa de recompensar cun millón de dólares a aqueles individuos que denunciasen o pirateo de programas nos seus lugares de traballo, vén de anunciar que durante o primeiro semestre de 2009 se levaron a cabo en España un total de 160 accións legais contra empresas, distribuidores e entidades que vulneraron os dereitos de Propiedade Intelectual do Software, situando ao noso país entre os que máis accións legais leva a cabo BSA para loitar contra o uso de aplicacións ilegais.
Como resultado desas accións as compañías españolas implicadas tiveron que facer fronte, segundo anuncian os responsables de BSA, “a preto de 400.000 euros de custes (sen incluir os custes dos procesos xudiciais) sumando o valor total das indemnizacións por perxuizos, que ascenderon a 246.000 euros, e os 150.000 euros por regularizacións e compra de software para substituir ao ilegal intervido”.
No conxunto de Europa, Oriente Medio e África (EMEA), España é un dos países onde se produciron máis denuncias por uso de software ilegal no transcurso de 2009, ata 324 casos, que se poden deber, segundo afirman, “a unha maior concienciación a todos os niveis da ilegalidade que supón vulnerar os dereitos de propiedade intelectual do software”; en calquera caso, continúan, “vén a reflectir os riscos legais aos que se poden enfrontar aqueles negocios que non cumpren coa Lei de Propiedade Intelectual”.
Segundo o último informe global de IDC, correspondente a 2008, o índice de pirataría de software en España é do 42%, sete puntos por enriba da media da UE (35%) e a nove dos países de Europa Occidental (33%), o que se traduce nunhas perdas anuais de máis de 730 millóns de euros para o conxunto do sector.
España sitúase entre os países que máis software pirata usan
Compartir Este Artigo

