Semella que a Google, entre outras moitas cousas relacionadas coa Rede, unha das vantaxes desta que máis lle gusta é a posibilidade de achegar vídeo en liña. Probas hai abondas: primeiro a compra de YouTube hai uns tres anos, e agora, unha nova aposta polo audiovisual, aínda que a menor escala: a adquisición de On2 Technologies, firma que está a centrar a súa actividade na comprensión de vídeo para Internet e que cotiza xa na bolsa de Nova York. Ao parecer non se trata dunha compra máis, aínda que o pareza. Segundo se conta no blog de Google, a medida non vai dirixida a ofrecer realmente algo novo, senón a mellorar e reforzar o que xa se ten.
Neste caso e principalmente, YouTube, unha fonte de ingresos que malia o seu éxito aínda semella un pouco por explotar. Neste senso, a experiencia dunha empresa como On2 pódelle valer para moito.
Por exemplo: para reforzar a calidade e a cantidade dos vídeos contra a competencia (Vimeo, sobre todo), para procurar novas canles de negocio (innovando á hora de inserir publicidade e de acadar máis repercusión social das pezas) ou para seguir incorporando engadidos extra (como os vídeos en 3D, presentados hai pouco).
A manobra do buscador inclúe a adquisición de 57% da devandita compañía por un valor de 106 millóns e medio de dólares, o que na moeda que nos toca de preto se traduce en 74 millóns de euros.
Google reforza a súa aposta polo vídeo coa compra de On2
Compartir Este Artigo

