
O goberno galego e Red.es van levar a cabo unha serie de actuacións encamiñadas á promoción e ao desenvolvemento da Sociedade da Información en todos os ámbitos da actividade económica e social, a través de equipamento avanzado e de actividades formativas que capaciten aos usuarios para facer un uso óptimo da tecnoloxía implantada.
Equipamento avanzado para a cidadanía
A instalación dun novo equipamento de última xeración permitirá reforzar o traballo que actualmente se realiza en numerosos centros que prestan servizos aos cidadáns como son: os servizos de emprego, os centros de persoas maiores, os centros de voluntariado, de menores, de persoas inmigrantes, de persoas con discapacidade e especialmente, os centros públicos de acceso a internet situados na rede galega de bibliotecas públicas. O Programa Tic-Tac Galicia pretende mellora a prestación dos servizos da nosa comunidade, sobre a base dun catálogo de equipamento a implantar en dous ámbitos.
Dunha banda, o equipamento destinado a reforzar os servizos públicos prestados aos galegos, a través de sistemas que favorezan un proceso formativo moderno e eficaz, como son as solucións de proxección interactiva, os encerados dixitais, os equipos multifunción, as gravadoras MP3, as cámaras dixitais, etc. Tamén se mellorarán os equipos para acceder a internet e os servizos en liña baseados no uso do DNI electrónico e a TDT de carácter bidireccional, así como os equipos para ampliación puntual dos centros.
A outra dotación de equipamento avanzado dirixirase ás persoas con distintas discapacidades físicas ou sensoriais que, a través dos novos recursos de hardware e software, poderán ter un acceso máis doado á Sociedade da Información e aos servizos prestados polos centros públicos anteriormente mencionados, en condicións de igualdade e cun nivel de calidade suficiente para o correcto aproveitamento dos mesmos.
Traballo conxunto
As actuacións a realizar por parte da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica consistirán en seleccionar os centros que cumpran cos criterios técnicos necesarios, tanto de accesibilidade como de conectividade, para que os bens e servizos proporcionados por Red.es resulten operativos de inmediato. Ademais darán soporte e mantemento ás dotacións durante polo menos 4 anos; divulgarán as accións levadas a cabo, e realizarán un seguimento periódico do impacto de ditas actuacións para velar polo seu cumprimento e eficacia.
Pola súa parte a entidade Red.es investirá 820.000 euros e encargarase de desenvolver proxectos, de dotar de infraestruturas TIC avanzadas, así como de facilitar o software que permita reforzar a capacitación dos usuarios, ben a través da prestación de servizos de formación, ou ben a través da dotación de contidos e o seu uso en plataformas desenvolvidas baixo estándares SCORM ou outros formatos.
Ademais Red.es responsabilizarase da instalación do equipamento e do mantemento do mesmo durante o primeiro ano así como do seguimento das actuacións en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización da Xunta.
O convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e Red.es asinarase en breve e contará con financiamento da U.E. a través dos Programas Operativos FEDER 2007-2013.

