O subdirector xeral de Centros e Comunidades Galegas, da Secretaría Xeral da Emigración, Andrés Castro Bande, clausurou en Vigo o II Proxecto TIC: Programa Formativo no campo das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, organizado pola Fundación Galicia Emigración e financiada pola Dirección General de la Ciudadanía Española en el Exterior, e que contou, ademais, coa presenza de Jorge Cebreiros Arce, como Presidente do INEO, asociación multisectorial das novas tecnoloxías da información e da comunicación de Galicia.
Este programa de formación iniciouse o pasado mes de xuño cunha primeira etapa de selección e formación na que participaron 30 mozos emigrantes e descendentes con estudos previos ou experiencia profesional neste ámbito. O II Proxecto TIC, levouse a cabo paralelamente en Bos Aires e Montevideo proporcionando a capacitación necesaria para «cubrir futuras demandas de traballo nos postos de consultor analista informático e de consultor programador nas empresas que forman parte da Fundación, así como naquelas que estean vinculadas directa ou indirectamente ás anteriores», precisou Andrés Castro.
Os 15 alumnos que superaron con éxito esta primeira fase teórica (7 procedentes de Uruguai e 8 de Arxentina) viñeron a Galicia para realizar prácticas laborais non remuneradas en empresas do sector das TIC e que forman parte da Asociación empresarial INEO. Para elo, a Fundación financiou aos participantes, ademais do custe da realización da formación práctica en España, os gastos da viaxe, aloxamento e manutención.
Mozos descendentes de galegos reciben formación nas TIC para favorecer o seu traballo e inserción en Galicia
Compartir Este Artigo
