Cando o iPhone 3G chegou ao mercado hai máis dun ano dende TomTom adiantáronse a anunciar que estaban a traballar en levar o seu navegador GPS ao móbil de Apple, o que logo soubemos que non sería posible oficialmente por mor de limitacións no kit de desenvolvemento de aplicacións para o terminal telefónico, que desaparecerían coa chegada da versión 3.0 do firmware do iPhone, de xeito que nas últimas semanas chegaron varias aplicacións de navegación GPS, e hoxe chegou finalmente á App Store española o TomTom en distintas versións segundo os mapas incluídos, custando a versión cos mapas da Península Ibérica 69,99 euros e 99,99 euros a que inclúe os mapas de Europa Occidental. Estas copias non só cambian no seu prezo, senón tamén no seu tamaño en disco, que vai dos 283 Mbytes para a versión ibérica aos 1,44 Gbytes da versión europea.
A aplicación do iPhone emprega IQ Routes para ofrecer sempre as rutas máis intelixentes, pode funcionar en vertical e horizontal, permite o zoom mediante a interface multitáctil, intégrase coa axenda de contactos (para marcar o noso destino), informa con alertas visuais e sonoras de excesos de velocidade e radares, serve para localizar puntos de interese e restaurantes… e TomTom tamén comercializa un soporte para colocar o iPhone no automóbil para facilitar o seu uso coma navegador GPS.
TomTom chega ao iPhone
Compartir Este Artigo

