O sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación de Galicia, está de noraboa ao estrear a primeira rede social de ámbito legal en español, que, segundo veñen de anunciar os seus responsables, “dará cobertura a particulares e profesionais de toda España e América Latina en cuestións legais, mediante ferramentas de coñecemento colaborativo”.
Trátase de Pleiteando.com, unha innovadora iniciativa que xurde da colaboración entre a Rede Social Xurídica S.L (sociedade promotora da idea) e a empresa galega Pexego (a que leva a cabo o seu desenvolvemento técnico) e que ten como finalidade apoiar e asesorar a todo aquel profesional ou particular que precise axuda en torno a cuestións tales como separacións, disolucións empresariais, herdanzas, accidentes, multas…
A iniciativa baséase nun modelo de coñecemento colaborativo para que avogados e bufetes, así como profesionais de outros sectores e particulares, obteñan apoio, asesoramento, información, documentación e, sobre todo, experiencias propias que lles axuden a resolver cuestións e problemas de toda índole.
Asemade, segundo vén de anunciar o director executivo de Pleiteando.com, Rodolfo Alonso Albella, “o programa vaise complementar, entre outras cousas, con servizos de blog, portal de emprego, formación e tenda en liña”.
Albella incide no aspecto colaborativo como o máis distintivo da Rede xa que, segundo afirma, “o 88 por cento dos avogados consultados indican que compartirían con outros o seu tempo e coñecementos”, un dato desprendido do amplo estudo de mercado realizando polos responsables do proxecto entre os avogados da Comunidade de Madrid, escollida para o sondeo por ser a de meirande número de letrados colexiados de toda España.
Neste senso, Pleiteando.com, ofrece, por exemplo, ampla información sobre as opcións que existen para disolver unha S.L. con problemas entre socios, sobre como obter a residencia española cunha parella de feito, sobre os límites da responsabilidade do seguro do noso coche ou sobre se hai que pagar unha multa de tráfico imposta no estranxeiro, entre outras moitas cuestións que se dan no noso día a día.
Nesta ferramenta en liña, son os mesmos particulares ou profesionais do sector os que se ofrecen a resolvelas, de maneira que os avogados tamén obteñen, segundo vén de afirmar Alonso Albella, “visibilidade profesional e oportunidades para facer clientes”.
Os responsables desta aplicación tamén valoran a oportunidade de entrar en contacto con persoas a quen preocupa un mesmo asunto, creando unha “comunidade” en torno ao mesmo, así como a seguridade que ofrece á hora de acceder aos distintos contidos, xa que, segundo afirma un dos responsables de Pexego, “tanto a tecnoloxía como as linguaxes de programación empregadas ofrecen as máximas garantías”.
Dúas empresas TIC galegas desenvolven a primeira rede social xurídica en español
Compartir Este Artigo

