A Consellaría de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, vén de convocar, un ano máis, o Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación para distinguir traballos de xornalismo científico publicados en medios de comunicación galegos e edicións para Galicia de medios estatais.
O obxectivo deste certame, que a devandita entidade pública organiza cada ano na nosa Comunidade, é “estimular a produción de textos xornalísticos especializados en materia científica e fomentar así unha cultura do coñecemento da ciencia e da tecnoloxía que permita unha mellor percepción das actividades de I+D+i por parte da sociedade galega”.
O premio, ao que poden acceder os e as profesionais do xornalismo que teñan publicado algún traballo xornalístico de contido científico nun medio de comunicación de Galicia ou nunha edición para a nosa terra dun medio de difusión estatal, outorga unha contía de 5.000 euros en metálico para o primeiro clasificado e de 2.300 euros para o segundo.
As persoas interesadas en participar, deberán presentar un traballo xornalístico de contido científico (preferentemente sobre temas de investigación e desenvolvemento) de calquera xénero informativo antes do vindeiro 31 de outubro, e cubrir o formulario de solicitude dispoñible na oficina virtual da devandita consellaría.
O xurado valorará, entre outras cousas, a adecuación temática do traballo ao obxecto da convocatoria, a súa calidade xornalística, o seu rigor científico e a repercusión social do tema tratado.
Convocado o VII Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación
Compartir Este Artigo

