Despois de varias versións previas, nas últimas horas publicouse oficialmente a versión definitiva do navegador web Opera 10, que coma principal novidade integra a tecnoloxía de compresión Opera Turbo para acelerar as conexións de baixa velocidade.
Amais, a nova versión do navegador inclúe un novo deseño e pestanas visuais, unha pantalla personalizable cunha selección de webs preferidas para cando abrimos unha nova pestana, integración de servizos web (permite que ao pinchar sobre ligazóns de correo electrónico ou fluxos RSS poida accederse á ferramenta en liña favorita para acceder aos mesmos en vez de abrir aplicacións informáticas locais), un motor máis rápido e un mellor soporte de estándares.
O Opera 10 está dispoñible para Windows, Mac e Linux, e cómpre destacar que é compatible coa tradución ao galego publicada por eGalego.
Sae oficialmente o Opera 10
Compartir Este Artigo

