Se ben é certo que a comida dos avións nunca destacou en calidade nin en cantidade, case ninguén podería adiviñar cando a Rede irrompeu nas nosas vidas que ía chegar un intre en que a maioría dos pasaxeiros declararía preferir o acceso Wi-Fi antes cá oferta gastronómica das compañías aéreas, por moi dubidosa que esta fose. Deste mesmo tema xa falamos hai agora uns meses, mais agora toca falar dunha cuestión ligada a estes asuntos que volve poñer de manifesto a importancia dun servizo en voo de conexión á Rede por enriba de outros servizos postos en xogo.
Segundo se nos conta nun estudo da empresa Wakefield Research e que reflicte Lavidawifi, o 76% dos pasaxeiros enquisados estaría disposto a trocar unha compañía aérea (enténdase unha compañía habitual) por outra, se esta tivese servizos Wi-Fi.
O dato, que non deixa de ser rechamante tendo en conta a relativamente breve vida entre nós deste tipo de acceso sen fíos á Rede, complétase con outra información que o respalda: o 94% dos participantes na investigación opinou que o feito de ter incluído este servizo nos avións foi o mellor invento das aeroliñas posto en marcha ao longo dos últimos tres anos.
Tres de catro viaxeiros trocarían unha compañía aérea por outra se lles ofrecesen Wi-Fi
Compartir Este Artigo

