A Universidade de Vigo segue adiante na procura de aliados empresariais do sector tecnolóxico no camiño de facilitar o traxecto post-educacional dos seus estudantes e, primeiramente, incorporar á súa oferta docente a peza que decote máis se bota en falta na ensinanza en xeral: a peza que une aulas con empresas. Con este alicerce, e co de mellorar o panorama da innovación galega, a Universidade de Vigo vén de asinar un acordo de colaboración con Beckhoff Automation. O pacto de cooperación, que foi presentado en todos os seus detalles polo reitor Alberto Gago e o xerente da dita firma, Xavier Martos, xorde para prolongarse durante tres anos, prazo que servirá para poñer en marcha accións formativas para profesorado e estudantes baseadas nas tecnoloxías de Bechkoff.
Co obxectivo de conseguir un diálogo fluído e un intercambio de información axeitada, a empresa cederá “un amplo abano do seu material, como licenzas de uso de software ou hardware, que se instalará na nova Aula Beckhoff que comezará a súa andaina na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais”, sinalaron os responsables do acordo.
Por certo que este proxecto en común apóiase en vantaxes de dirección múltiple, e así o fixeron saber Gago e máis Martos: a Universidade poderá afondar na súa oferta formativa tecnolóxica, a empresa terá ao seu alcance o talento desenvolvido no campus e os alumnos incrementarán as súas posibilidades de atopar acubillo no mercado laboral.
Tanto o reitor da institución educativa viguesa como o xerente de Beckhoff coincidiron nas máis que boas previsións de traballo que acompañan o pacto de colaboración: Gago deulle a benvida a unha Universidade cada día “máis entregada á transferencia e máis á colaboración externa” e Martos amosou a súa confianza en que este acordo “chegará a puntos importantes” e achegará vantaxes mutuas. Neste senso, fixo referencia ao que vai ser posto en xogo ao servizo dos alumnos (meirande coñecemento do mercado, máis axilidade á hora de introducirse nas compañías) e o que estará a disposición da propia empresa: talento e espírito innovador.
Por certo que no acto de presentación da iniciativa tamén participou Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática da dita escola, quen leva anos traballando a prol do diálogo ensinanza-empresa co fin de complementar con coñecemento práctico os recursos do seu alumnado. A seu xuízo, o alicerce do acordo xurdiu da mellor maneira: de xeito natural, “froito da confianza e da colaboración”. A idea é tirar proveito dos recursos cedidos pola empresa (materiais e inmateriais) co fin de levar a cabo investigacións, docencia regrada, cursos de formación complementaria ou proxectos de fin de carreira que sigan unha liña de investigación de automatización industrial. Cómpre sinalar que amais da cesión de software e hardware, a Universidade tamén se verá beneficiada por material formativo e formación para os docentes dende a propia empresa colaboradora. Con este achegamento á realidade de Beckhoff, en boa medida materializada a través da nova aula específica habilitada, a ETS de Enxeñeiros Industriais pasa a ter un total de seis espazos formativos desta índole: as aulas Siemens, Fanuc, Schneider, Wonderware, Rockwell e a devandita Beckhoff.
A empresa Beckhoff achegaralle material tecnolóxico-formativo á Universidade de Vigo
Compartir Este Artigo

