Non é que na Rede se fagan cousas máis raras, é que nela as cousas raras que se fan adquiren meirande volume. Un exemplo disto ben podería ser o que está a facer a empresa australiana de publicidade e marketing uSocial, que empregando as súas propias ferramentas para promoverse a si mesma, vén de formalizar na Internet o que se leva anos facendo na vida real nos eidos político ou empresarial: a compravenda de amizades. Segundo informa Reuters, a compañía está xa a distribuír de maneira comercial amigos e admiradores aos membros da rede social Facebook logo de pór a mesma oferta a disposición dos usuarios de Twitter. A cousa semella ter o seu nicho de negocio, sobre todo se temos en conta que hoxe, como antes, cantas máis persoas teñas na túa axenda, máis pintas socialmente. Se isto significa ben pouco para moitos de nós, e ben tranquilos que estamos co noso anonimato, é a peor das preocupacións para unha boa cantidade de xente, políticos inclusive, desexosa de poder incluírnos no club de fans propio de seu.
Facebook tamén axuda: o seu potencial publicitario é ben grande, e a empresa uSocial sábeo ben: “O feito é que cun seguimento grande en Facebook xa tes feito un grupo obxectivo inmediato de persoas co que podes contactar e promover o que sexa que queres promover”, sinalan os responsables da compañía. Neste senso, o papel de uSocial céntrase en achegar a peza que faltaba: por así dicilo, a clave para a busca de amizades, todas elas dispostas como un auditorio ligado á súa vez a outros auditorios. A firma achega xa solucións para Facebook, dende o máis simple que arranca con 1.000 amigos ata o soño de calquera celebridade televisiva en potencia: 10.000 contactos. Os prezos oscilan entre os 177 e os 1.167 dólares.
Como se pode imaxinar, a promoción non está exenta de controversia, e é que a liña que afasta a publicidade a gran escala da intromisión e do correo lixo resulta ás veces máis finas do que os responsables da dita empresa desexarían.
A empresa uSocial vende amizades para Facebook
Compartir Este Artigo

