A nova do día é sen dúbida o lanzamento definitivo das agardadas versións móbiles de Spotify, que finalmente pode descargarse no iPhone e en terminais co sistema operativo Android, aínda que sendo só funcional para usuarios Premium do servizo musical (que deben pagar 9,99 euros/mes para acceder sen publicidade a Spotify e recibindo os temas musicais cunha maior calidade de son).
Spotify Mobile permite acceder ao inmenso catálogo musical de Spotify dende dispositivos móbiles tanto a través de Wi-Fi coma de 3G (recomendando contratar unha tarifa plana de datos neste último caso), contar con listaxes de reprodución fóra de liña (de xeito que podemos gardar na memoria do noso terminal, de xeito transparente, os temas que queiramos escoitar cando non teñamos acceso á Rede), acceso ás nosas listaxes de reprodución e sincronización das mesmas (os cambios que fagamos no ordenador reflectiranse no móbil e viceversa).
Aparentemente as versións de Android e iPhone son iguais, e poderían disparar as subscricións a Spotify, pero cómpre destacar que no móbil de Apple existen certas limitación ausentes en Android, como a imposibilidade de sincronizar os temas para o seu acceso fóra de liña a través de 3G (só vai con Wi-Fi) e o non funcionar en segundo plano (de xeito que non podemos, por exemplo, acceder ao correo electrónico ou navegar por páxinas web mentres escoitamos música de Spotify).
O lanzamento desta aplicación móbil aínda non é global (comentan que polo momento só está dispoñible en España, Francia, Reino Unido, Suecia e Noruega, países nos que Spotify goza de bastante sona), e só é un paso máis dentro da orientación a terminais móbiles por parte da compañía, que xa anuncia que está a traballar nunha versión para teléfonos que operen baixo a plataforma S60.
Demostración do funcionamento de Spotify no iPhone
A versión móbil de Spotify chega a iPhone e Android
Compartir Este Artigo

