En China, en boa medida máis que en ningunha outra parte, a Rede segue a ser o obxecto da gran discusión sobre o futuro do mundo cando en realidade só debería ser o escenario desa discusión. Que se a Internet é fonte de disidencia, que se só da acubillo a pervertidos e criminais… a listaxe de etiquetas negativas que as autoridades lle poñen non ten fin, xurdindo cada pouco medidas de todo tipo dirixidas a acadar unha Rede ao seu gusto na que cada click teña a efectos de debate político o mesmo son ca un silencio. A máis recente destas medidas é facer obrigatorio que todo o mundo dea a cara nos debates en liña e nos comentarios ás noticias. Isto ten o seu reflexo en que a partir de xa, os xornais do país con presenza na Rede lles esixen aos seus lectores os seus nomes reais e máis os números de identidade. Doutro xeito, non será posible participar no foro.
Os medios afectados, entre os que atopamos algúns de primeira liña como Sina ou Sohu, tamén lles solicitan aos usuarios os seus números de móbil, co obxectivo de facer máis doada a posible localización no caso de que o comentario vertido poña en perigo o ata o de agora agradable clima comunicativo reinante. Cómpre sinalar que ata agora, o funcionamento destes sistemas de opinión era máis ou menos semellante ao que usan os medios occidentais, onde é posible achegar valoracións de xeito anónimo.
Os internautas chineses non poderán comentar novas con pseudónimo
Compartir Este Artigo

