A Comisión Europea, que onte organizou unha audición das partes integrantes do mundo editorial europeo (autores, editores, libreiros, bibliotecarios…) para debater as repercusións que podería traer a Europa a sinatura dun acordo similar ao acadado por Google Books en EEUU, vén de avogar por unha “solución autenticamente europea”, consistente en combinar o potencial das novas tecnoloxías e os investimentos privados coas “ricas coleccións” que as institucións públicas viñeron formando ao longo dos séculos no vello continente. Para acadala, os comisarios de Sociedade da Información, Viviane Reding, e de Mercado Interior, Charlie McGreevy, insistiron en que a dixitalización dos libros na UE, “debe ser pilotada polo sector público”, porén apuntaron que “o apoio do sector privado tamén é necesario”.
Ante a desconfianza dos autores e editores europeos, que acusan ao xigante americano case que de “pirata intelectual”, Google deféndese argumentando que lle pedirá permiso aos propietarios dos dereitos dos libros europeos que aínda se comercialicen no seu país de orixe e que estean descatalogados en Estados Unidos, para ofrecer, segundo dixeron, “unha copia dixital no seu servizo Google Books”.
Esta é unha das medidas que a compañía anunciou perante a UE nunha das sesións informativas organizadas onte, que pechaba os beizos dos europeos que lle poñían pegas a este proxecto, sobre todo os alemáns.
Asemade, Google aceptou que dous dos membros do órgano que supervise o cumprimento do seu acordo en Estados Unidos, un autor e un editor, sexan europeos, e no tocante á dixitalización dos contidos (ao non existir unha lexislación comunitaria armonizada), os seus responsables mostráronse dispostos a “traballar con calquera solución que decida a UE”.
Neste senso, logo das consultas previstas ao longo desta semana coas partes implicadas para abordar a dixitalización de libros na UE, os responsables do proxecto van presentar propostas para a “modernización do sistema europeo en materia de dereitos de autor, que porán o acento na procura dun método para acoller en Internet as obras orfas e descatalogadas”.
Google convence á Comisión Europea
Compartir Este Artigo

