A Asociación de enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), co obxectivo de promover a realización de investigacións como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que traballan en torno á difusión das TIC, vén de convocar o premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral Aplicada no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), que está dotado con 2.000 euros.
O galardón, que conta co patrocinio da Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), vaise entregar no marco da XIV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, punto de encontro dos profesionais e das empresas do sector das Telecomunicacións, que terá lugar o vindeiro venres, 6 de novembro, no Gran Hotel da Toxa, en Pontevedra.
A este premio poderán concorrer aquelas persoas que teñan defendido a súa tese nalgunha das tres universidades galegas durante os anos 2008 e 2009 e que poida encadrarse nalgunha das seguintes áreas: transferencia tecnolóxica (patentes, licencias), orientación ao negocio ou carácter social.
As persoas interesadas en particpar, deberán enviar unha ficha resumo da súa tese así como unha reseña da mesma indicando as razóns polas que cren que debe ser premiada, ao enderezo: administracion@coetg.es ou aetg@aetg.org, indicando no asunto “Premio Gradiant”.
O prazo de recepción das memorias rematará o vindeiro día 5 de outubro.
Na imaxe, (de esquerda a dereita) o Secretario do COETG-AETG, Ramón María Lois Santos; o Vicedecano-Vicepresidente do COETG-AETG, Miguel Merino Gil; e o Tesoureiro do COETG-AETG, Fernando Cendán Garrote, durante a Asemblea-Xunta Xeral Ordinaria celebrada en Santiago de Compostela a comezos de ano.
Os enxeñeiros de telecomunicación galegos premian a mellor tese doutoral no sector das TIC
Compartir Este Artigo

