Medio en broma e medio en serio, os de ALT1040 espertáronnos hoxe cunha escolma de consellos que todo traballador (empregado de a pé ou cun cargo de responsabilidade, no eido público ou no privado) debería ter en conta para ser máis produtivo no seu posto de mando. Finalmente, e malia que agardabamos un fondo estudo da realidade produtiva do mercado global, impúxose o máis obvio, que non o menos real: para comezar, nada mellor que darnos de baixa en toda canta rede 2.0 se nos cruce no camiño. Para dicilo coloquialmente, estas e outras ferramentas (Facebook, Twenti, Twitter, messengers, etc) de contactos están moi ben para a nosa casa, pero tratar de xustificalas arreo no traballo é como defender que ir tres veces nunha mañá a tomar café é positivo para as contas. Pois ben, a cousa neste senso comeza a poñerse seria, e sen ir máis lonxe o Goberno suízo vénlle de declarar a guerra ao Facebook entre funcionarios (no lugar de traballo, enténdase).
Máis polo miúdo trátase dunha medida que prohibe o uso destes servizos sociais en liña nos espazos públicos que lle pertencen, medida que entrará en vigor a semana vindeira e que atinxe a todos os departamentos cunha soa excepción: o Ministerio de Relacións Exteriores, que non bloqueará estes servizos polo de agora.
O motivo desta decisión é máis ou menos o mesmo que levou a outros Gobernos a ceibar os seus edificios públicos de cousas que puidesen distraer aos seus traballadores, só que desta volta dase a particularidade, case un agravante, de que calquera funcionario pode aparentar que traballa mentres está contestándolles aos seus amigos. O Goberno do país preocúpase de deixalo ben claro, aínda que con matices: “O empregado que precise ter acceso á rede social por razóns profesionais poderá solicitar unha exención”. A raíz do problema está no seguinte achado da Oficina De Información e Telecomunicacións: o servizo Facebook foi ao longo de 2009 a web máis visitada no seo da Administración.
As administracións comezan a prohibir as redes sociais entre funcionarios
Compartir Este Artigo

