
Esta futura guía GPS cubrirá 760 quilómetros do Camiño Francés, ou sexa, un completo traxecto entre Saint Jean Pied de Port e Compostela, o que é todo un reto, pois están a aplicar a mesma tecnoloxía das audioguías que ofrecen en museos ou nalgunhas cidades, pero levala a tan grande escala precisa dun traballo titánico que de seguro que agradecerán moitos peregrinos que queiran coñecer a fondo os lugares que visitas durante a súa viaxe espiritual á capital de Galicia.
Todo este traballo nace na empresa Bluguía, formada por Pablo Conde e Pilar López, quen xa introduciron no mercado guías deste tipo en varias cidades (comezando polo Concello de Vigo), pois son conscientes de que os navegadores GPS limítanse habitualmente a ofrecer información para a condución e non para o turismo.
Aínda que o máis doado sexa vender estas aplicacións integradas nun dispositivo determinado (que poden ofrecer en réxime de aluguer en puntos de información turística ou museos), dende Bluguía son conscientes de que moitos usuarios xa teñen navegadores GPS de seu ou incluso móbiles con GPS, de aí que no futuro poderían buscar outros xeitos de capitalizar as súas aplicacións.

Pablo Conde explicou o funcionamento das Bluguías no programa Fábrica de Ideas de Televisión Española en decembro de 2008 |
