A revista académica de estudos galegos Galicia21 xa está na Rede. Máis polo miúdo dende hai dous meses, tempo de abondo como para que a publicación en liña conseguise situarse nunha cota de 60 visitas diarias de lectoras e lectores de todo o mundo. Detrás desta iniciativa (en formato papel e con face virtual) atópanse os editores Graig Patterson (Cardiff University) e Helena Miguélez Carballeira (Bangor University), que fixeron público o primeiro número da publicación o verán pasado durante a celebración do noveno Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos.
A súa intención é tirar partido dos novos espazos de comunicación dixital para incrementar o interese no mundo por todo o relacionado co noso, amais de contribuír a achegar información sobre a cultura galega a quen a requira. Neste intre, sinalan, a web está a ser consultada polas comunidades investigadoras e académicas de países como Brasil, Reino Unido, Estados Unidos ou España.
En palabras dos seus creadores, a revista (que aparece na súa face en liña en formato bilingüe, galego e inglés) xorde co obxectivo de converterse nun punto de encontro para o crecente número de investigadoras/es que constitúen a comunidade académica internacional dos estudos galegos contemporáneos.
O primeiro número de Galicia 21 inclúe, entre outros, artigos académicos da escritora e tradutora María Reimóndez, a poeta e académica María do Cebreiro, e Anxo Lorenzo, profesor da Universidade de Vigo e actual Secretario Xeral de Política Lingüística. Tamén inclúe a título de autor convidado un artigo do escritor Miguel Anxo Murado e unha entrevista a Domingo Villar, autor de Ollos de auga, co motivo da súa conferencia no Festival do Libro de Edimburgo no verán de 2008.
A revista de estudos Galicia21 xa está en Internet
Compartir Este Artigo

