Os responsables de mercadotecnia do grupo textil galego Inditex, sabedores de que en pleno século XXI, o comercio en liña é unha baza fundamental da que ningunha empresa de certo prestixio debe prescindir, veñen de anunciar que, para a vindeira tempada de outono-inverno de 2010, os produtos da súa cadea máis popular, Zara, serán comercializados por Internet en España, Francia, Alemaña, Reino Unido, Italia e Portugal.
Esta acción do xigante textil galego dase logo de que as vendas de Inditex correspondentes ao primeiro semestre de 2009, medraran un 7 por cento, algo que non é nada representativo do que está a suceder no resto das empresas do mercado da moda mundial.
Segundo palabras do vicepresidente da compañía, Pablo Isla, esta aposta por Internet, supón “un paso estratéxico importante” que se encadra, engadiu, “na procura permanente de fórmulas que permitan ofrecer o mellor servizo aos clientes de todo o mundo”.
No que vai de ano, a parte de que o beneficio neto da compañía foi de 375 millóns de euros, e que as vendas acadaron os 4.861 millóns de euros, Inditex abreu 166 novas tendas en 35 países diferentes, chegando a ter na actualidade máis de 4.430 establecementos repartidos por 73 países de todo o mundo.
Agora, coa vindeira apertura das tendas de Zara en liña, a compañía galega non só consolida o seu prestixio en materia de innovación e deseño nos produtos, senón que tamén se abre a un novo mercado onde está en conexión directa co seu principal público obxectivo: os mozos e mozas de todo o mundo.
Zara comercializará os seus produtos por Internet, a partir do outono
Compartir Este Artigo

