
A mediados dos anos oitenta, cando a denominada Idade de Ouro do software español daba os seus primeiros pasos, programar un videoxogo desde Galicia era unha auténtica fazaña case solitaria. Álex González logrouno desde Ourense co desenvolvemento de The Wall, un título para o estándar MSX que acabou sendo publicado pola mítica distribuidora ERBE Software en decembro de 1986 e que chegou a vender máis de 7.000 copias. Repasamos con González como foi a aprendizaxe autodidacta con libros comprados en Madrid, o trato coas grandes editoras da época e a súa posterior transición cara á xestión empresarial en PC.
—Como comezou o teu interese polo mundo da programación e que te levou a crear os teus primeiros videoxogos?
—A min xa me chamaba a atención programar por pura curiosidade, igual que me gustaba a electrónica e outras cousas técnicas. Empecei a experimentar desa maneira. Primeiro fixen un programa en BASIC semellante ao que logo sería The Wall, pero de só unha pantalla, aínda que algo máis complicada ca as que viñeron despois. Con aquel traballo fun a Madrid convencido de que o meu xogo era moito mellor que varios dos que estaban á venda nas tendas.

—E cal foi a resposta que atopaches nas distribuidoras de Madrid con aquel primeiro proxecto?
—Dixéronme que non. Basicamente viñéronme dicir: «Mira, isto o ano pasado aínda se vendía, pero hoxe xa non cumpre os requisitos mínimos de calidade». Non me dixeron literalmente que fose unha porcallada, pero si que quedara desfasado con respecto ao que xa viña no mercado. E tiñan razón. Hai que ter en conta que eu en Ourense vivía nunha especie de illa tecnolóxica: non tiña nin idea do que se estaba a cocer fóra porque nin sequera coñecía a ninguén que tivera un ordenador coma o meu. Estaba completamente perdido. Alí dixéronme con claridade: «Se queres facer algo con calidade suficiente, tes que programalo en código máquina ou ensamblador; o BASIC xa non serve».
—Aprender código máquina naquela altura e sen Internet debía de ser unha tarefa case heroica. Como conseguiches a documentación necesaria?
—Antes de volver para Ourense dixen: «Teño que atopar un libro de código máquina como sexa». Fomos a El Corte Inglés e alí atopei un exemplar que custaba 5.000 pesetas. Eran moitos cartos para a época, pero merqueino. Algunha vez preguntáronme en entrevistas se non tiña un grupo de usuarios ou unha comunidade de apoio. Naquel tempo non había nada diso: o único que existía era o correo postal ordinario; en 1985 non había correo electrónico a nivel de usuario. Así que, con aquel manual e en solitario, fun aprendendo pouquiño a pouco e superando atrancos ata acadar o obxectivo final: un xogo completo con vinte e dúas pantallas, que xa tiña unha calidade perfectamente comparable aos xogos comerciais da época.
—Como se pechou finalmente o acordo con ERBE para a publicación de The Wall?
—Unha vez rematado volvín a Madrid, presenteillo a ERBE e desta volta dixéronme de inmediato que si, que mo publicaban. A única condición foi que tiña que incluír a súa pantalla de inicio co logotipo da compañía; eles mesmos facilitáronme o código fonte desa presentación para que eu a integrase no programa, e nada máis. Isto ocorreu cara ao verán de 1986. Mentres fixen os axustes pertinentes chegou setembro, pero indicáronme que preferían agardar ao Nadal para o lanzamento comercial. Saíu á venda en decembro de 1986 porque era a campaña na que máis software se vendía e non querían que o título pasase desapercibido un mes antes.

—Que lembranzas gardas do rendemento comercial do xogo e do trato económico cos distribuidores?
—A verdade é que eu era un pipiolo e non tiña nin idea de como funcionaba o negocio. Pregunteilles se o ían distribuír ben e non cheguei nin a discutir os prezos. O xogo vendíase nas tendas por unhas 1.800 pesetas e a min pagábanme 100 pesetas por copia vendida. Non sei canto quedaba a tenda, o transportista ou a distribuidora. Con todo, vendéronse máis de 7.000 copias. Ao principio pagábanme esas cen pesetas longas por unidade e máis adiante, cando o meteron en paquetes de tres xogos rebaixados, déixanme unhas 35 ou 40 pesetas por exemplar. Ao final gañei unhas 500.000 pesetas da época, ou quizais algo máis, segundo consta nas facturas que aínda conservo.
—Tras o éxito de vendas de The Wall, por que non continuaches na industria dos videoxogos?
—Cheguei a ter outro videoxogo empezado, que ía sobre un ladrón. Estaba moito máis avanzado a nivel técnico; como xa dominaba a linguaxe de programación e non tiña que perder tempo aprendendo a base, podía centrarme de cheo no deseño e nas mecánicas. Mais cando o tiña a medio desenvolver, apareceu o dono dunha tenda e propúxome: «Faríasme un programa de xestión de almacén para PC?». Eu nunca vira un PC de preto, pero díxenlle que si. Preguntoume canto lle cobraba e respondinlle: «Cóbrome co propio PC».
Hai que situarse en 1987: programar nun MSX era como andar en bicicleta e traballar nun PC era subir a un Fórmula 1; semellaba unha máquina impresionante. Así que aparquei o videoxogo, entreguei o software de xestión de almacén e conseguín o meu primeiro ordenador persoal. A partir de aí encamiñei a miña carreira profesional cara á informática de xestión, os PC e as webs, ámbito ao que me levo dedicando toda a vida.
—Mirando cara atrás, arrepínteste de deixar aquel camiño?
—Sempre queda algunha espiña cravada. Arrepíntome de dúas cousas: primeiro, de non ter migrado The Wall a ZX Spectrum, o cal me tería levado moi pouco traballo e tería vendido moito máis, xa que en España había un parque de Spectrum infinitamente maior ca de MSX; e segundo, de non ter rematado aquel segundo xogo do ladrón. Pero non me queixo en absoluto de como se desenvolveu a miña vida profesional arredor da programación. Se continuase cos videoxogos, quen sabe se hoxe me iría mellor ou peor.


