A conta atrás para o apagamento tecnolóxico segue a diante e, por unha cousas ou por outras (nalgúns casos por culpa das institucións, noutros polas empresas e noutros por mor dos atrancos dos propios cidadáns), semella que non todas e todos estamos en igualdade de condicións fronte á data clave: o 3 de abril de 2010. Segundo informa estes días La Voz, a día de hoxe non son precisamente poucos os lugares da Mariña de Lugo, principalmente rurais, nos que a o sinal da TDT (a Televisión Dixital Terrestre) se recibe mal ou de ningunha maneira. E todo isto, malia albiscarse xa o lonxe o intre en que deixará de emitirse o sinal de televisión que todas e todos coñecemos para substituílo, totalmente, polo dixital, para o que é preciso que se dean unha serie de circunstancias: que haxa sinal (obviamente), que teñamos ben axustada a antena do edificio e un receptor axeitado da TDT.
Así, malia que no plano teórico todo tería que está listo para a primavera, aínda queda unha porcentaxe importante de poboación que fica de costas á nova tecnoloxía: polas máis variadas razóns (non sempre o problema vén só das institucións responsables, aínda que así puidera parecer) case unha terceira parte das familias do estado español.
Sinalar que moitas destas áreas de escuridade dixital atópanse sobre todo nos espazos rurais, e o caso da Mariña, rebordante coma o resto da nosa xeografía de pequenas vilas, aldeas e casais, non é unha excepción. Segundo detalla o devandito xornal facéndose eco das opinións dos técnicos das empresas responsables, o principal motivo desta eiva é que no repetidor secundario que na Tora só están instaladas a metade das canles, feito que afecta a zonas concretas como os núcleos viveirenses de Covas (onde a TDT se colle en parte), Landrove, Chavín, San Pedro, Escourido ou Area.
O mesmo acontece noutras áreas dos concellos de Ourel ou O Valadouro, nos que ao parecer non se habilitaron os equipamentos precisos para a recepción dun sinal axeitado.
Unha boa cantidade de familias da Mariña aínda non reciben a TDT
Compartir Este Artigo

