Hai quen di que a televisión dixital, unida á Internet, vai soterrar ela mesmiña e sen máis axuda á prensa escrita. Pola contra, tamén hai quen albisca un futuro ben diferente, máis semellante a un estado de simbiose ou de cooperación mutua onde non se entenda unha cousa sen a outra. Debater sobre estes e outros prognósticos e procurar camiños de negocio vantaxosos para a nosa industria é un dos grandes obxectivos da xornada Presente e futuro da prensa escrita e a televisión: novas regras do xogo, audiencias e modelos de negocio. O encontro, organizado por APD Noroeste, desenvolverase este martes 22 no Hotel Porta do Camiño de Santiago contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios, Dircom e o Clúster Audiovisual Galego.
As xornadas, que dan comezo ás 9.15 horas, está especialmente dirixida a directivos de medios de comunicación, profesionais deste eido e das empresas vinculadas ao sector. En palabras da organización, a finalidade deste evento é afondar nas claves do novo modelo de negocio xurdido a raíz do espallamento da Internet e os cambios nos patróns de consumo da información e o lecer.
En consecuencia, engaden, cómpre rastrexar as causas e consecuencias deste troco e avaliar ata que punto se están a dar cambios na organización e operativa interna dos medios e máis nas contas dos seus resultados.
Os encargados de abrir os encontros serán o director xeral de APD Noroeste, Santiago Sesto, xunto co vicepresidente de Dircom, Manuel Váquez Sola. Asemade, contarase coa presenza de Alfonso Cabaleiro (secretario xeral de Medios) para dar por inauguradas as xornadas arredor das 9.30 horas. Por certo que tamén terá parte activa nas sesións, desta volta como moderador, Juan Carlos Maneiro, responsable para Galicia de Pricewaterhousecoopers.
Polo que respecta ao programa en si mesmo, sinalar que está prevista a intervención de Carla Reyes (xerente do Clúster Audiovisual, quen moderará un debate sobre a televisión dixital en España no que participarán, entre outros, a directora da TVG, Rosa Vilas), Eladio Gutiérrez (director de Estratexia de Negocio de Albertis Telecom, quen presidirá unha sesión sobre o apagamento analóxico e a televisión de pago) e Antonio Rodríguez (xerente de R) e Carlos Carballo (director de Audiovisual do Grupo Voz), que participarán nun debate sobre o novo contexto audiovisual. Tamén acudirán, entre outros, os directores de Soitu e de Xornal.com (Gumersindo Lafuente e Xosé Luís Gómez), o director xeral de Elogia Media (Rubén López) e os directores dos xornais de meirande tirada no noso país. As xornadas rematarán arredor das 19.30 horas.
O futuro da prensa escrita e a televisión dixital, a exame este martes en Compostela
Compartir Este Artigo

