
O proxecto responde en boa medida aos obxectivos de innovación de COINTEGA para o medre competitivo da totalidade das empresas que representa. Dito doutra maneira: a adaptación plena das ditas firmas ao eido da comunicación dixital só podería repercutir positivamente no seu medre competitivo. Asemade, o uso das novas tecnoloxías suporía un importante avance na mellora dos procesos de xestión, no control da produción, no diálogo con clientes e provedores e, por suposto, na promoción dos produtos téxtiles alí onde fose preciso promovelos.
Segundo informan ámbalas dúas partes, a alianza estratéxica vén de coller corpo a través dunha reunión de traballo en Texvigo (onde se deron cita as direccións xerais das dúas entidades) nun primeiro proxecto que serve de avance das principais liñas a seguir. Na xuntanza en cuestión, os representantes alí convocados dos sectores téxtil e dixital coincidiron en salientar o cambio que se está a producir na nosa sociedade, cunha taxa cada vez meirande de cidadanía disposta a mercar pola Rede. A isto hai que engadir a propia inclinación das empresas do noso téxtil en xeral á hora de lanzarse á Internet como un proceso máis (aínda que non un proceso calquera) de procura de mercado e, tamén, de mellora na xestión e na interrelación cos axentes da cadea de valor do sector. Xa nun ámbito máis concreto, a devandita reunión serviu para poñerlle nome ás accións máis prioritarias a desenvolver:
· Proxecto 1. Mellora no intercambio de datos entre o fabricante e a tenda multimarca. A través desta iniciativa búscase desenvolver un sistema estandarizado válido para todas as empresas do sector que posibilite o intercambio de información en tempo real sobre as vendas e a demanda do mercado, e que faga posible un mellor equilibrio entre a produción e a comercialización.
· Proxecto 2. Venda directa a través de tendas virtuais. Perante o desenvolvemento do comercio electrónico, as empresas galegas do téxtil están a propoñerse a súa presenza activa na Rede a través dunha tenda virtual que lles permita promover os seus produtos, comunicarse directamente cos seus clientes finais e mesmo desenvolver un novo modelo de venta directa a través da Rede.
· Proxecto 3. Implantación dun cadro de mando integral nas empresas do sector. Segundo se puxo de manifesto nas primeiras tomas de contacto entre o sector téxtil e Ineo, a maioría das empresas do primeiro sector “presentan arestora carencias á hora de dispor de información útil e salientable para a toma de decisións estratéxicas”. Por esta razón, consideran crucial pór en marcha un proxecto para o deseño dun cadro de mando adaptado ás necesidades dunha empresa do sector.
· Proxecto 4. Incorporación das TIC no punto de venda. Preténdese con esta acción ampliar a marxe de manobra das tendas, favorecendo o seguimento e trazabilidade das prendas probadas polos clientes (etiquetas RFID), o que achegaría información detallada sobre (por exemplo) a demanda e o interese que esperta cada produto.
· Proxecto 5. Posta en marcha dunha intranet para a rede comercial. Isto significaría deixar atrás as vellas canles de comunicación interna nas empresas (visitas presenzas a clientes, chamadas por teléfono, etc) para aforrar custes ao mesmo tempo que medra a capacidade comunicativa da empresa. E isto grazas ás novas tecnoloxías. En concreto, grazas á posta en marcha dunha intranet para a rede de representantes.
O téxtil galego lánzase ás novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo

