Os usuarios de BlackBerry (dispositivos móbiles que integran as vantaxes da telefonía móbil e do computador con acceso á Rede) e todas aquelas persoas interesadas en afondar no coñecemento deste aparello xa teñen á súa disposición unha nova fonte de datos que incorpora as vantaxes da comunicación virtual e dos obradoiros sobre unha tecnoloxía concreta. Neste caso, o BlackBerry en cuestión. Segundo nos conta a axencia interactiva Visualmente, responsable desta nova fonte de coñecemento, trátase da posta en marcha dun Centro de Conferencias Virtuais onde os usuarios do devandito dispositivo móbil poderán acceder a diferentes sesións explicativas sobre o mesmo e nas que expertos no seu manexo resolverán polo miúdo todas as dúbidas que vaian xurdindo.
O Centro de Conferencias, que amais do devandito posibilita o acceso a titoriais, demos de preguntas frecuentes ou descargas, permítelles aos internautas rexistrados acceder ata o vindeiro día 17 de novembro a todas as conferencias baixo demanda, póndose a súa disposición as preguntas e respostas realizadas durante a sesión en vivo.
Como dixemos, o Centro de Conferencias Virtuais de BlackBerry é unha creación da empresa Visualmente, con sede en Madrid, quen personalizou o espazo para adaptalo ás características técnicas do evento permitindo que usuarios de a pé se beneficien ao máximo do saber facer dos expertos de Blackberry.
Segundo nos conta Noa Orizales, do Grupo Visualmente, xa está operativa unha web para rexistrarse e acceder ás sesións baixo demanda.
Na Rede un centro virtual que informa polo miúdo das vantaxes do BlackBerry
Compartir Este Artigo

