En cuestión de redes e de afianzamento das mesmas na nosa terra, temos un pouco de todo: dende amplas zonas de escuridade dixital ata espazos onde se investiga co máis avanzado. Este último eido, no que se move entre outras áreas a supercomputación galega, semella sumar cada día máis potencial para poñer o remate definitivo ás desigualdades. Un exemplo deste proceso de avance constante é o traballo desenvolvido por espazos como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA, na imaxe) ou a Universidade de Vigo.
Así o determinan os especialistas galegos en cómputo e máis en tecnoloxías da información e así o asumen tamén os expertos foráneos, como por exemplo os integrantes da Itanium Solutions Alliance, plataforma de empresas do sector que vén de premiar a investigadores do CESGA e máis das Universidades de Vigo e Estremadura co primeiro premio dos Itanium Awards na categoría de computación intensiva.
A dita alianza (integrada entre outras firmas por Bull, Fujitsu, Siemens, Hitachi, HP, Intel ou Microsoft) recoñece o labor do dito equipo no uso extraordinario de supercomputadores equipados con procesadores Intel Itanium.
Os galardóns, que se entregaron o mércores 23 nun acto oficial celebrado no Museo de Arte Contemporáneo de San Francisco, tamén salientaron o máis destacable a nivel internacional en modernización dos centros de datos e máis en xestión da información crítica (as dúas modalidades restantes).
En definitiva, do que se trata é de recoñecer a excelencia dos traballos de supercomputación levados a cabo en sistemas baseados en Itanium, traballos que procederon nesta edición de 14 países dos cinco continentes.
Segundo conta o CESGA, os criterios de selección das propostas achegadas baséanse sobre todo na dificultade do reto computacional presentado, os froitos colleitados e (tamén) a orixinalidade. No caso do galardón obtido polo equipo CESGA-UNEX-UVIGO, as razóns do éxito baseáronse no proveito que se lle tiraron aos sistemas baseados en Itanium para facer fronte a enormes e críticas cargas de computación “que demandan un alto rendemento constante e recursos compartidos escalables”. Máis polo miúdo, estas cargas foron tratadas a través do Finis Terrae, o supercomputador albergado no CESGA, dende o que se usaron os servidores HP Integrity, equipados con 1.024 procesadores Itanium en paralelo e 6 TB de memoria.
Por certo que o xurado, corporativa e innovadoramente falando, foi un xurado de primeira liña: estivo composto por especialistas como Harry Hief, director científico de Global Paten, ou Michelle Pierce, xefe de produto de Mainframe Migration Alliance de Microsoft.
O equipo recoñecido pola Alianza está composto polos investigadores Fernando Obelleiro e José Luis Rodríguez da Universidade de Vigo e por Luis Landesa e José Manuel Taboada da Universidad de Extremadura. Xa nun eido máis concreto, o seu traballo é cooperativo e céntrase en eidos como o estudo da compatibilidade electromagnética co fin de detectar interferencias entre antenas ou ser quen de predicir niveis de radiación perigosa. Destes e outros estudos estanse a beneficiar arestora a Armada Españoña ou a empresa Navantia.
A Alianza de Itanium premia ao CESGA e á Universidade de Vigo
Compartir Este Artigo

