
O programa, confinanciado polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Fondo Social Europeo, ten o obxectivo de potenciar a cualificación profesional dos equipos de traballo das empresas do sector tecnolóxico-dixital galego nos eidos da xestión nos que resulta insuficiente a formación específica.
Máis polo miúdo, a iniciativa de EGANET consiste en ofertar vinte postos de traballo como responsable de proxectos, dirixida a tituladas e titulados en Ciencias Económicas, Ciencias Empresariais, Enxeñería de Informática ou Telecomunicacións. “Procúrase desta maneira dotar ás pequenas e medianas empresas de profesionais con capacidade de trato directo co cliente e con visión global do negocio”, sinala a entidade nun comunicado no que tamén se explica o cometido e condicións das/os bolseiras/os: “A persoa contratada encargarase ao longo dun ano prorrogable da xestión de proxectos dende unha perspectiva empresarial para que os técnicos poidan centrarse na xestión operativa; deste xeito refórzase un eido no que as pemes moi tecnificadas, como é o caso das tecnolóxicas, foron quen de detectar unha das súas eivas”.
Segundo se fai saber nas bases da iniciativa, esta ten vontade de abreviar o máximo posible os tempos de desenvolvemento. Así, as 20 persoas escolmadas incorporaranse decontado en 14 empresas galegas do sector TIC, beneficiándose dun curso de xestión de proxectos e de negociación e venda consultiva. Por certo que a proposta non é nova: EGANET xa puxo en marcha o ano pasado un programa de características semellantes que beneficiou á inserción laboral de 36 profesionais co perfil de asesor-comercial TIC, arestora desenvolvendo o seu labor en 23 empresas asociadas.
EGANET selecciona 20 profesionais TIC para traballar nas empresas do sector
Compartir Este Artigo

