A empresa galega Contactnova, con sede na Tecnópole (San Cibrao das Viñas), vén de someter ás súas ferramentas de xestión de datos a un importante proceso de renovación. Máis polo miúdo e segundo informa a propia compañía, trátase dun investimento de 30.000 euros para a migración dos seus equipos e servidores (na imaxe) clásicos a un contorno virtualizado. A iniciativa de Contactnova, que responde á busca de beneficios baseados no aproveitamento de recursos xa existentes, supón entre outras cousas un medre “considerable” na eficacia dos ditos equipamentos, que en virtude destes cambios pasan dunha produtividade do 15-20 por cento a unha taxa de entre o 80 e 90 por cento. Como dixemos, a estratexia en cuestión responde máis a rendibilizar o que xa se ten có que está por adquirir: “Os equipos e servidores soen ser os aparellos máis potentes dunha organización empresarial e aínda que se lles encomenden as tarefas que precisan de meirande capacidade de cálculo, adoitan a ficar por embaixo das súas capacidades reais”, informan os responsables da empresa, para quen está claro que a virtualización non fai outra cousa que optimizar as prestacións da infraestrutura dispoñible.
Con todo, as vantaxes non se quedan aí: os contornos virtualizados achegan unha maior tolerancia a erros e fallos, evitando caídas no sistema que os equipos clásicos non son quen de impedir, “o que se traduce nun extra de seguridade no servizo que subministrará a nosa empresa”, puntualiza Contactnova.
Dende o punto de vista técnico, o sistema de virtualización incorporado é o XenServer, instalado en dous servidores Dell PowerEdge R905 que almacena os datos nun Array de discos Dell PowerVault MD3000i e que ata o de agora ten unha capacidade de 1600 Xb para o acubillo de datos.
A maiores de todo o devandito, o proceso asumido pola empresa contribúe a aforrar recursos enerxéticos (a redución no consumo sería do 60%) o que hai que engadir ao feito de que con menos servidores activos poderanse levar a cabo outras tarefas. “Este aforro”, comentan, “axudará a conservar o medio ambiente, algo que vai no propio frontispicio do grupo Netaccede, que entre as súas empresas conta precisamente coa firma SMA, que fabrica e instala plantas depuradoras de augas residuais que inclúe tecnoloxía avanzada a prol do respecto ao ecosistema”.
A galega Contactnova inviste 30.000 euros en mellorar a eficacia dos seus equipos
Compartir Este Artigo

