A celebración na nosa terra do Día Internacional da Tradución vén de achegar importantes novidades no que respecta á ligazón cada vez máis firme entre tecnoloxías do coñecemento e lingüística. Un bo exemplo disto foi a presentación na Universidade de Vigo do proxecto dixital Bitraga, a Biblioteca de Tradución Galega. O acto, inserido dentro do programa que a Facultade de Filoloxía elaborou con motivo da celebración, contou coa presenza do equipo coordinador dos traballos de Bitraga, as profesoras Ana Luna, Iolanda Galanes, Silvia Montero e Aurea Fernández (na imaxe). Segundo fixeron saber, esta biblioteca é unha ambiciosa iniciativa a prol da difusión da tradución galega e da Rede como acubillo e canle comunicativa dese coñecemento.
Máis polo miúdo, é unha iniciativa que recolle toda a produción deste eido lingüístico en concreto dende 1980 ata a actualidade. Segundo explicou Ana Luna durante a presentación, non é casualidade que o traballo recolla os recursos publicados durante ese período, xa que estamos a falar dos anos de meirande produción de tradución da historia galega. Con todo, a biblioteca (que remonta o seu xermolo a 2004) non está pechada nin moito menos á inclusión de achegas doutro intre. De feito, a intención é ir traballando cara atrás no tempo.
En detalle, a biblioteca abrangue a referencia tanto dos textos orixinais como dos de chegada xunto cos autores do texto e da tradución, as linguas de partida e chegada. A gran finalidade desta proposta, en palabras das súas responsables, é favorecer na medida do posible o intercambio científico dos datos coas persoas interesadas neste eido do coñecemento, entre os que se atopan tradutores, editoriais, asociacións profesionais ou asociacións de escritores, amais das comunidades académica e investigadora.
A biblioteca recolle 6.000 referencias, incluíndo un motor de procura que posibilita a súa localización atendendo ao título, ao autor ou ao tradutor. O miolo do catálogo son os textos literarios, aínda que as responsables do recurso teñen a intención de abrírense a outro tipo de tipoloxía textual. As fichas de cada un achegan información variada que permite, entre outras cousas, situar a biblioteca na que é posible atopar o texto.
A Biblioteca dixital da Tradución Galega recolle toda a produción deste eido dende 1980
Compartir Este Artigo

