Fillos.org, a comunidade en liña de galegas e galegos espalladas/os polo mundo, vén de subir un novo chanzo na súa carreira por consolidarse como unha das redes sociais máis grandes da nosa emigración e (tamén) por consolidar á Rede como espazo de encontro para as persoas que están afastadas por milleiros de quilómetros. Segundo informan os responsables da comunidade, Fillos.org sitúase a día de hoxe (por tamaño e repercusión) no sétimo posto das comunidades de galegas e galegos na Diáspora, por diante mesmo do Centro Galego de México e só superada polas entidades de Montevideo, Bos Aires, Caracas, A Habana e Bruxelas.
O medre de socias e socios (6.700) experimentado por Fillos.org, máis salientable se temos en conta as dificultades polas que pasou a asociación nos últimos anos debido ás dificultades derivadas do mantemento do portal web e os proxectos derivados, está a vir acompañado dunha serie de novidades.
Por exemplo: a renovación da web principal, que baixo o epígrafe de Fillos 4.0, achega dende esta semana unha feitura e uns contidos máis acordes coas liñas seguidas polas redes sociais máis populares que todos coñecemos. “Con isto”, sinala Manuel Casal Lodeiro (fundador do portal e actual coordinador da comunidade en liña), “agardamos responder ás expectativas de mellora dos nosos usuarios e rematar cos problemas de saturación que estivemos a sufrir coa anterior versión”.
Con esta nova andaina, engade, o gran obxectivo é facer o máis doado posible o fluxo de integrantes da dita rede, “dándolle forma finalmente a unha comunidade que sexa quen de satisfacer a necesidade de contacto, información e servizos que teñen milleiros de persoas que viven na emigración”.
Fillos.org faise máis rede social
Compartir Este Artigo

