Amazon anunciou nas últimas horas que lanzará unha nova versión do seu lector de libros electrónicos Kindle, que permitirá non só descargar sen fíos os textos nos EE.UU., senón que tamén funcionará en máis de 100 países a través da rede de telefonía móbil 3G/GRPS de AT&T e os seus socios internacionais (en vez da operadora Sprint que subministra as comunicacións nos EE.UU.).
O fundador de Amazon, Jeff Bezos, asegura que a súa compañía ten «millóns de clientes en países de todo o mundo que len libros en inglés» e o «Kindle permite a estes clientes pensar nun libro e descargalo sen fíos en menos de 60 segundos».
Este anuncio vén acompañado dunha rebaixa de 40 dólares no Kindle 2, que agora custa 259 dólares (o que é a segunda rebaixa do produto, que antes do verán custaba 359 dólares), mentres que a versión internacional venderase a partires do 19 de outubro por 279 dólares (189,48 euros), aínda que dende España o prezo final do produto sería de 347,98 dólares ( 233,06 euros) por gastos de envío e manipulación.

Dende Amazon aseguran que as descargas internacionais custarán 1,99 dólares (68 céntimos de euro) adicionais para os usuarios norteamericanos, sen detallar se haberá que facer fronte a tal taxa se somos clientes doutros países (aínda que é de supor que será así, posto que AT&T subministra tal servizo a través de roaming).
![]() |

