O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, achegouse esta mesma mañá ata Ourense, para inaugurar o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), da Universidade de Vigo, un novo espazo de máis de 3.000 metros cadrados, que se sitúa no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e que ten como principal obxectivo desenvolver tarefas de investigación, así como fomentar a transferencia de coñecementos en I+D+i. Durante a inauguración Vázquez Abad dixo que o recén inaugurado CITI ”sitúa ás institucións académicas ourensás nun lugar sobranceiro e vangardista do Sistema Universitario de Galicia considerado no seu conxunto”, ao tempo que recordou a importancia que ten o centro porque “as tarefas de investigación que desenvolve contan coa garantía da súa eficacia, á hora da creación de espazos de cooperación entre a Universidade e o tecido empresarial máis comprometido co progreso e o benestar da nosa sociedade”.
Asemade, afirmou que “esta Galicia ten ante sí un horizonte inzado de oportunidades” e incidiu na necesidade de investir en investigación para activar a nosa economía.
O CITI ten como obxectivo ser un espazo no que potenciar e desenvolver a I+D+i nas empresas, creando un intercambio de coñecementos entre a universidade e as industrias nos ámbitos agroalimentairo, biotecnoloxía, enerxía, medio ambiente e tecnoloxías da Información. Todo isto co obxectivo final de construír novas empresas a partir da transmisión de coñecementos.
Os cinco edificios que compoñen o CITI supuxeron un investimento de 3.545.653 euros. O espazo está composto por catro módulos conectados cunha pasarela, que albergan laboratorios e plantas técnicas. Ademais dispón dunha Planta Piloto e outros espazos como unha sala escura para proxectos de realidade virtual, un animalario e dependencias de uso común como as plantas técnicas, salas de refrixeración e conxelación, cafetería e almacéns.
O CITI albergará doce grupos de investigación dos que, neste momento xa están a traballar oito, que desenvolven o seu labor nos laboratorios de Biotecnoloxía Agroalimentaria, Bioquímica, Enxeñería Química, Física aplicada, Física da atmósfera e do océano, Microbioloxía, Toxicoloxía e Seguridade Alimentaria e Medioambiental, Valorización de Biomasa, Informática Aplicada, Informática gráfica e multimedia, Sistema informáticos de nova xeración e Web de Axentes Intelixentes. Xunto aos grupos de investigación estará a Oficina de Proxectos de I+D+i do campus de Ourense. Todos os que traballen no CITI contarán coa posibilidade de potenciar a súa proxección profesional, a mesma que lles permitira captar recursos externos. Se logran captar eses recursos poderase mellorar o nivel científico do centro e lograr ingresos cos que manter as infraestruturas recen inauguraradas.
Na imaxe, unha recreación virtual do CITI.
A Tecnópole conta dende hoxe cun novo Centro de Investigación especializado en I+D+i
Compartir Este Artigo

