Co obxectivo de difundir información e formar á poboación galega en novas tecnoloxías, a Asociación de Centros Homologados, con sede en Ourense e delegacións nas catro provincias de Galicia, vai celebrar unhas xornadas sobre software libre durante os vindeiros fins de semana de outubro e novembro, que terán lugar en Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo, respectivamente.
Esta iniciativa, que está cofinanciada polo Plan Avanza do Ministerio de Industria e Comercio, polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Innovación da Xunta de Galicia dentro do Plan estratéxico galego da Sociedade da Información (PEGSI 2007-2010), pretende asumir a responsabilidade da implicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos ámbitos produtivos, sociais e dos servizos públicos, para, segundo afirman os seus responsables, “contribuir ao desenvolvemento sostible da nosa comunidade, compatibilizando o crecemento económico coa creación de emprego de calidade e xerando maior benestar, igualdade e cohesión social”.
Dentro desta filosofía atópanse as devanditas xornadas, propostas dende ACH, nas que se pretende, entre outras cousas, promover e concienciar en torno ás TIC e á Sociedade da Información, contribuir á diminución da fenda tecnolóxica que Galicia ten fronte a España e Europa, difundir a vantaxes do uso do software libre con respecto ao software privativo e promocionar o consumo de software libre como software seguro.
Porén, a entidade organizadora deste evento, ofértalle a todas as persoas asistentes, a posibilidade de aprender a buscar, descargar, instalar e usar correctamente o software libre dispoñible de balde na Rede, especialmente Galinux, e deste xeito potenciar e normalizar o uso do idioma galego en entornos TIC.
As xornadas, que levan por título Consume Software Libre, consume Software Seguro, desenvolveránse o vindeiro fin de semana (16 e 17 de outubro) en Santiago de Compostela, no Hotel Área Central, para posteriormente trasladarse a Ferrol (o 30 e 31 de outubro), a Ourense (o 6 e 7 de novembro) e a Lugo (o 13 e o 14 de novembro).
As xornadas, que seguen todas un mesmo esquema, consisten nun relatorio sobre o tema do título principal durante a tarde do venres, e un obradoiro teórico-práctico na mañá do sábado, con entrega de material promocional de software libre e en galego a aquelas persoas que participen na enquisa que leva a cabo a organización.
Trátase dun sinxelo cuestionario anónimo sobre o uso do Software Libre, que será posto a disposición dos usuarios nas instalacións das propias xornadas e tamén nas cidades de celebración dos eventos, onde serán repartidos nos días previos ao acto.
A Asociación de Centros Homologados promove o uso do software libre entre a cidadanía galega
Compartir Este Artigo

