A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), vén de convocar a sexta edición dos seus premios anuais, a fin de recoñecer a calidade dos produtos e servizos do sector TIC galego.
Os premios deste ano inclúen 9 categorías máis unha especial, e a eles poderán optar todas aquelas empresas, profesionais, asociacións, organizacións empresariais ou ONGs que realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións e teñan razón social en Galicia, así como calquera ente público ou calquera outro organismo que teña relación clara coa cultura, lingua ou sociedade galegas.
As categorías desta edición, ás que se engade o Premio Especial EGANET, son as seguintes: Premio E-Emprendedores; Premio Cultura Dixital; Premio SoftwareLibre; Premio Tecnoloxía Accesible; Premio Comunicación Web; Premio Mellor Ambiente Laboral, novidade da presente edición; Premio Publicidade Online; Premio E-Comerce; e Premio á Mellor Aplicación Online. Por outra banda, o premio especial que a entidade estrea nesta edición, outorgarase a aquel proxecto, entidade ou personalidade galega que dende o pasado ano máis se esforzase en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet e, deste xeito, contribuíse a promocionar as novas tecnoloxías en Galicia.
O prazo de presentación das candidaturas para estes galardóns, que representan unha plataforma de lanzamento sen igual para as empresas do sector, remata o vindeiro día 13 de novembro, para ser entregados posteriormente o 16 de decembro en Santiago de Compostela.
A presentación das candidaturas (excepto para o Premio Especial, que non se inclúen), pode realizarse cumplimentando o formulario que aparece na web oficial deste organismo, enviando dito formulario ao enderezo electrónico candidaturas@premioseganet.com ou remitíndoo por correo postal ao enderezo Rúa Pérez Constanti nº12-1º de Santiago de Compostela.
Estes Premios, segundo veñen de anunciar os seus responsables, “recoñecen a calidade dos produtos e servizos do sector TIC galego, ademais de ser un xeito de achegar a Sociedade da Información e do Coñecemento á cidadanía galega”. “A entrega destes galardóns”, continúan, “representa na actualidade o acto anual de maior repercusión para o sector TIC galego”.
EGANET consolida os seus premios coa convocatoria da VI edición
Compartir Este Artigo

