Coa Rede non hai quen poida. Nin sequera as forzas de todo tipo que a longo da historia teñen mantido en segredo, provisionalmente ou non, un variado abano de verdades. As circunstancias en que a resolución dunha incógnita abrolla son moitas e diferentes, pero poucas veces está tan xustificado se do que estamos a falar é dunha cuestión de saúde pública e degradación do medio natural. Este foi o miolo dun caso de información retida no que a comunidade internauta inglesa tivo o papel de liberadora desa información, e todo malia haber orde xudicial de por medio: a que obrigaba a The Guardian a manter en segredo un estudo sobre un caso de contaminación causado por unha gran empresa en Costa de Marfil (na imaxe). Co que non contaba o xuíz foi co Twitter e outras ferramentas da Internet social.
Segundo conta El País, a historia remóntase a 2006, no intre en que a firma de transporte Trafigura decidiu desfacerse de 400 toneladas de gasolina de baixa calidade aboándolle unha taxa compensatoria ao Goberno de Costa de Marfil. Como adoita a acontecer neste tipo de cuestións, as medidas de coidado medioambiental para vixiar a rigorosidade do transvase foron de todo menos esixentes. Finalmente, a gasolina foi dar ás proximidades da cidade de Abidjan. Segundo The New York Times, a cifra de persoas afectadas foi de 85.000, cantidade e feitos que son máis graves aínda tendo en conta a precariedade sanitaria e económica do país.
O caso é que a culpabilidade de Trafigura aínda estaba por recoñecer, ficando os datos que a certificaban definitivamente nun informe que foi a dar a mans de The Guardian. Malia as esixencias da multinacional por mantelo en segredo, a Rede fixo o seu traballo: favoreceu o fluxo de información. Así, logo de que fose dar á Wikileaks xusto antes da prohibición xudicial, os internautas que estaban ao tanto da cuestión puxéronse mans á obra, sobre todo en Twitter, chamando á desobediencia entre os reporteiros británicos para que ligaran coas mensaxes da dita rede social e alimentando con novas proclamas o escándalo informativo xa de por si considerable. Conclusión: a propia empresa fixo público o documento a semana pasada acompañado dunha carta na que se tenta aclarar que non se trata dun estudo concluínte que posibilitara albiscar os problemas provocados.
Usuarios de Twitter rompen co embargo informativo dun caso de polución en África
Compartir Este Artigo

