A xente de Google presentou onte unha mellora no seu servizo de busca, de xeito que cando buscamos información musical facilítase (polo momento só dende EE.UU.) a posibilidade de escoitar dende o propio navegador cancións relativas ás novas buscas grazas a un acordo con iLike (compañía propiedade de MySpace) ou Lala, que son os servizos que achegan as mostras sonoras para potenciar a compra desas cancións a través da Rede. Estas buscas incluso funcionarían introducindo unha ou dúas liñas das letras das cancións, o que sen dúbida resulta de grande utilidade para localizar cancións das que descoñecemos o seu título.
A busca musical tamén permite descubrir nova música relacionada coas nosas consultas grazas ao acordo que Google pecho con Pandora, imeem e Rhapsody, o que non supón unha mellora das buscas, senón un interesante complemento.
Con esta novidade vemos que os rumores que apuntaban a unha tenda musical de Google non se axustaban á realidade, e temos simplemente unha mellora do servizo de busca universal no que levan anos centrando os seus esforzos dende Google, de xeito que o buscador sirva para atopar de todo, detectando o tipo de busca en cada ocasión, axustándose ao máximo ás necesidades do usuario.
Presentación do servizo de música en Google
Google comeza a integrar un servizo de busca de música
Compartir Este Artigo
