
Ambas as dúas páxinas son potentes ferramentas para arquitectos e decoradores, que gañaron cadanseu galardón de ouro, quedando entre as 20 primeiras das 888 páxinas web presentadas en todo o mundo.
Nesta nova edición Aaccentia presentou só dúas páxinas web pero a firma conta xa cun total de 15 destes premios acadados dende o 2004, cando a empresa galega se convertía na primeira do país, e na terceira de España, en lograr este recoñecemento, o que xa a levou no momento a ser pioneira na innovación web.
É de entender, xa que logo, que a estas alturas ao xerente desta empresa, Modesto Pérez, xa non o collen por sorpresa estes premios, nembargantes, asegura seguir a incentivar o traballo de todo o equipo que conforma Aaccentia e confesa que “os seus empregados dedican moitas horas de traballo e deseño a calquera proxecto que cae nas súas mans”.
Pérez asegura que as páxinas web que crean dende a súa compañía, “convírtense moitas veces en útiles ferramentas de marketing e en catálogos de produtos moi potentes a nivel nacional e internacional” e este recoñecemento ano tras ano, significa que a empresa segue acertando coa liña de deseño e as estratexias que plantexan nas páxinas web que crean.
En ambas páxinas web, Aaccentia creou unha potente ferramenta para un público obxectivo profesional como arquitectos, decoradores, distribuidores e instaladores, que ofrecen unha información completa e actualizada sobre os diferentes produtos.
Innovar segue a ser para Modesto Pérez, a “pedra filosofal” neste sector e bo exemplo disto son as webs premiadas, que como non podía ser doutra maneira, convenceron ao xurado do galardón pola súa creatividade, eficacia e sentido práctico dos contidos.
A galega Aaccentia acada dous novos premios de deseño web
Compartir Este Artigo

