Non hai que ser un experto en condución para sabelo: os móbiles e o coche en marcha, non fan boa mestura. Porén, hai xente e máis xente que segue sen sabelo, ou ten moita présa (porque a présa segue a ser o distintivo dos tempos que vivimos) como para inmobilizar o seu vehículo e deixar de facer manobras cunha soa man ou falar a medias (porque falar polo móbil mentres se conduce tamén afecta de xeito negativo ao que se di ou ao que se quere dicir). Leas aparte, á Dirección Xeral de Tráfico tampouco está contenta con estes hábitos, de aí que se veña de involucrar nun reforzamento dos métodos para pórlles freo, sendo o método principal o do control directo nas estradas.
Deste xeito, ata o día 22 de novembro, a Dirección Xeral supervisará a preto de 600.000 vehículos que circulen polas estradas co obxectivo de reducir na medida do posible o uso de teléfono ao volante.
A iniciativa forma parte dun programa para a concienciación da cidadanía sobre os perigos que achega falar polo terminal mentres se conduce, práctica que diminúe e con moito, a capacidade de atención e reacción dos condutores, feito especialmente preocupante para aqueles casos nos que a atención xa de por si está baixo mínimos.
A idea da campaña é informar que máis da terceira parte dos sinistros nas estradas con vítimas que se contabilizaron nas estadas españolas ao longo de 2007 tiveron a súa orixe en distraccións desta índole.
Segundo informa EFE facéndose eco dos datos da campaña, os datos non fan máis que confirmar que non hai conversa telefónica boa co vehículo en marcha:
· Mentres imos pola estrada, só o simple aceno de marcar un número de móbil lévanos 13 segundos, responder a unha chamada 8 décimas de segundo e sintonizar unha cadea de radio unhas 6 décimas de segundo. O resultado de todo isto é que durante todo ese tempo, por así dicilo, non estaremos ao que temos que estar, circulando o coche fóra de control.
· As investigacións apuntan a que o emprego de teléfono móbil ao volante multiplica por catro o risco de ter un accidente, pudendo equipararse o perigo ao que nos expoñemos ao falar polo terminal co de ter no sangue unha taxa de alcohol maior cá permitida.
Volvendo á iniciativa da Dirección Xeral de Tráfico, dicir que tamén se vai dirixir a tirar abaixo a idea xeralizada de que os sistemas de mans ceibas non supoñen distracción algunha para o condutor. En definitiva, nada máis lonxe da realidade, explica a institución, xa que cando falamos polo móbil non só nos distrae o feito de collelo e marcar un número (enviar un sms xa sería o cumio destas prácticas mal encamiñadas), senón o propio feito de estármonos comunicando, que, a menos que se demostre o contrario, soe vir acompañado dunha actividade cerebral en maior ou menor medida intensa. Así, engádese, a DXT aconsella que para evitármonos tentacións de coller o aparello respondendo unha chamada procedamos a apagalo antes, de igual forma que previamente á condución en si mesma nos poñemos o cinto de seguridade.
Tráfico reforza o seu control sobre o uso do móbil ao volante
Compartir Este Artigo

