O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) está a contar as horas que quedan para que dea comezo a I Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que terá lugar mañá venres, 13 de novembro, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.
A organización do evento, que ultima os preparativos ao detalle para que todo saia á perfección, xa ten confirmada a presenza dun nutrido número de colexiados, autoridades da Administración autonómica e municipal, do eido universitario e empresarios, que se achegarán ata a capital galega para presenciar a celebración dun evento pioneiro na nosa Comunidade.
Asemade, está prevista a asistencia, entre outras personalidades, do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez (un dos galardoados), da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, así como dos reitores das Universidades de Santiago e A Coruña, Senén Barro e José María Barja Pérez, respectivamente.
En total, son 150 as persoas que asistirán a esta gala, presentada polo popular e ben querido Paco Lodeiro, na que non faltará un cóctel de benvida para todos os asistentes.
O CPEIG, constituído en decembro de 2007, celebra por primeira vez esta Noite da Enxeñaría en Informática e nela vai entregar (tamén por primeira vez) os Premios CPEIG nas seguintes modalidades:
Colexiados de honra:
-Jesús Vázquez Abad, actual conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, recibe o galardón polo seu decidido apoio, mediante diferentes iniciativas parlamentarias, á regularización dos estudos e da profesión de Enxeñaría en
Informática durante a súa traxectoria como deputado no Congreso.
-Javier Rodeiro Iglesias, Gabriel Ferreiro Pena e Jesús Rodríguez Castro, presidentes da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia (AEIG) en diferentes etapas. O colexio recoñece a súa loita para dotar a Enxeñaría en Informática dun código
deontolóxico e duns estatutos a prol dunha profesión digna e autónoma. Como fito da asociación, cómpre destacar a creación do propio do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Traxectoria profesional:
-Javier García Tobío: licenciado en Informática pola Universidade de Deusto, desde 1975 ocupa diferentes cargos e postos directivos de máxima responsabilidade en grandes empresas. Desde 1998 dirixe o Centro Superior de Computación de Galicia
(Cesga). Este organismo está a obter prestixiosos premios. O semanario ComputerWorld concedeulle en 2006 a distinción ao impacto no cidadán, por mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través da I+D+i. García Tobío participa tamén en numerosos proxectos relacionados coa Sociedade da Información e do Coñecemento e forma parte do grupo de expertos de e-Ciencia promovido pola FECYT.
Proxecto Innovador:
A e-receita, desenvolvido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas),naceu co obxectivo de modernizar a sanidade galega a través do uso intensivo das Tecnoloxías da Información. A iniciativa permite a dispensación farmacolóxica por medios telemáticos e transforma a relación da poboación galega con médicos e farmacéuticos. Na actualidade, máis de 1,5 millóns de receitas ao mes realízanse por medios telemáticos.
Como patrocinadores de ouro do evento, o CPEIG conta co apoio de
Bahía Software, Xunta de Galicia e HP; como patrocinadores de prata figuran
Telefónica, o Concello de Santiago e Plexus; e, finalmente, como
patrocinadores de bronce, o colexio conta coa colaboración de Agestic,
Balidea, Coremain, Ednon, La Caixa e Tecnocom.
O CPEIG celebra mañá en Compostela a I Noite da Enxeñaría en Informática
Compartir Este Artigo

