A operadora galega R vén de apuntarse un tanto no seu afianzamento como competidora no mercado das telecomunicacións móbiles. E faino apoiándose na casa Apple, máis en detalle no seu teléfono móbil de última xeración, o iPhone. Segundo conta a empresa e reflicten medios como A Nosa Terra, R ofreceralles aos seus clientes dúas das versións máis completas do devandito trebello. Con todo, cómpre informar que para ter na nosa man un dos teléfonos que achega R (concretamente o iPhone 3GS) non poderemos ser clientes acabados de chegar: precisaremos máis de seis meses de contrato, tal e como vemos especificado na páxina web da compañía.
Polo que respecta aos custes, dicir que oscilarán dependendo do tipo de Combo que se teña contratado e do nivel de uso que se lle dea ao servizo, polo que os prezos irían dende os cero euros (se temos o Combo R e un consumo mínimo de 59 euros ao mes) ata os 299 euros se temos calquera dos outros Combos e cun consumo mínimo de 29 euros. Sinalar que se dá a casualidade de que R é arestora a única operadora do Estado, xunto con Telefónica e en menor medida Yoigo, que distribúe entre os seus clientes este tipo de teléfonos.
R lánzase a vender o iPhone
Compartir Este Artigo

