Atendendo ás demandas da Comisión Europea, Microsoft vai comezar a activar para os usuarios de Windows que teña Internet Explorer como navegador predeterminado unha pantalla de selección de navegador (ou Ballot Screen) que presentará unha listaxe ordenada aleatoriamente de navegadores web a elixir para o seu uso por defecto, ofrecendo así alternativas ao navegador web da compañía de Redmond, medida coa que pretenden que as autoridades comunitarias deixen de entender que o Internet Explorer está a abusar da súa posición dominante ao incorporarse pre-instalado en cada copia de Windows.
Deste xeito, os usuarios de Windows que non se molestaron a buscar alternativas ao navegador por defecto do seu sistema operativo, terán doado o cambio de aplicación, comezando a probarse este sistema a vindeira semana en Reino Unido, Bélxica e Francia, para chegar logo ao resto do mundo a partires do 1 de marzo a través dunha actualización de Windows.
Dende Microsoft recomendan que cando os usuarios teñan ante si a pantalla de selección de navegador, elixan actualizar o seu navegador ao Internet Explorer 8, aínda que non porán atrancos para que opten por alternativas coma Firefox, Chrome, Opera ou Safari, deixando ao usuario a responsabilidade de definir o que será o seu navegador web por defecto.
Microsoft activará nos vindeiros días a pantalla de selección de navegador en Windows
Compartir Este Artigo

