
A distribución do plan realizouse en función da solicitude de centros para participar no ABALAR, dos medios dos que dispoñen os centros (conectividade, rede eléctrica), e da disposición do profesorado a participar no proceso de formación. Ademais, o proxecto ABALAR aplicou o principio de reequilibrio territorial con atención especial ao rural e ao interior da Comunidade Autónoma. Tras o reparto final de aulas e centros, obsérvase a discriminación positiva realizada sobre o ámbito rural, ao que o plan ABALAR chegará de forma masiva no primeiro ano de aplicación.
En total serán 693 aulas de centros sostidos con fondos públicos as que comezarán a desenvolver este proxecto na súa primeira fase de aplicación, unha iniciativa que ten como obxectivo chegar ao 100% dos centros da comunidade autónoma nos próximos anos.
Así, o proxecto supón na provincia de Lugo un investimento de 1.430.000 euros en equipamento informático, infraestruturas e formación do profesorado. En Ourense, a cantidade chega aos 1.450.000 euros, e en A Coruña alcanzará os 4.890.000 euros, mentres que en Pontevedra se investirán 3.550.000 euros. A esta cifras se lle engaden preto de 800.000 euros destinados á adaptación e mantemento de sistemas e liñas de conexión, así como a asistencia técnica.
Os datos das provincias déronse a coñecer nas reunións que ao longo das últimas semanas mantiveron os representantes da Consellería de Educación cos directores dos centros seleccionados para participar nesta primeira fase do Proxecto ABALAR.
A Consellería de Educación remata a presentación da primeira fase do plan ABALAR
Compartir Este Artigo
