Tras moitos rumores, finalmente temos información oficial sobre o que será Libranda, unha plataforma que busca unir o sector editorial na Rede e que estreará versión de proba o 15 de xullo para chegar definitivamente o 15 de setembro. Curiosamente Libranda non será unha tenda de libros electrónicos, senón que operará coma unha plataforma neutral e aberta ao mundo da distribución que inicialmente conta con 10 grupos editoriais que achegarán unha media de 200-300 títulos cada un e que poderán adquirirse nun limitado número de tendas inicialmente (coma El Corte Inglés, FNAC, Casa del Libro, Bubok ou Leqtor), ou sexa, que o público non poderá mercar e-books en Libranda, senón que este sistema funcionará coma motor de distribución para tendas en liña e tradicionais.
Inicialmente os libros electrónicos distribuídos estarán en formato ePUB (cun DRM de Adobe que permite ata 12 copias por obra), aínda que non desbotan que no futuro conten con modalidades coma o streaming, o préstamo ou a subscrición.
Libranda pretende anticiparse á popularización de dispositivos de lectura de libros electrónicos e produtos emerxentes coma o iPad, que de non contar con contidos legais poderían levar ao consumidor a alternativas como as descargas descontroladas a través da Internet, coma aconteceu co sector da música, e que é un dos grandes temores do sector.
Aínda que Libranda sexa unha plataforma aberta a terceiros, está constituída inicialmente polos grupos editoriais Planeta, Random House Mondadori, Santillana, Roca Editorial, Grup62, SM e Wolters Kluwers, e xa pecharon acordos de colaboración con Anagrama, Salamandra, Maeva, Siruela, Acantilado, Quaderns Crema e La Galera.
Pese a que Libranda permite beneficios como a descarga de e-books dende o noso domicilio, hai que recoñecer que esta plataforma ten serias eivas coma depender dun ordenador para as descargas, mentres que plataformas de éxito coma Kindle ou a iBookstore facilitan as descargas directamente dende os dispositivos de lectura, que tamén serán limitados, pois deberán ser compatibles coa tecnoloxía de anti-copia de Adobe. Tamén resulta criticable que Libranda insista nunha estrutura editorial tradicional, o que non parece lóxico no panorama actual, onde é posible eliminar moitos intermediarios, aínda que nun primeiro momento podería resultar aceptable para o consumidor simplemente polo feito de que os e-books en español son uns grandes ausentes nas plataformas de contidos actuais, pero que non parece que poida ser un argumento válido a longo prazo.
Este verán nacerá Libranda como unha plataforma española para o libro dixital
Compartir Este Artigo
