Para quen visite arestora o portal da Xunta, dicirlle que vai atopar algunha que outra novidade. Sobre todo no eido no número de servizos que se achegan (que se incrementou) e na feitura e distribución do que se ofrece, non tanto nos contidos mesmos. Trátase máis polo miúdo dunha nova remodelación do portal corporativo que responde en palabras do Goberno galego á busca dunha canle máis interactiva e aberta as 24 horas e dende tódolos recantos ao cidadán.
A idea básica, sinalan os responsables da páxina, é deixar de lado definitivamente os esquemas institucionais que todas e todos coñecemos, de web informativa no sentido estrito. O que se quere agora é “avanzar no concepto de Administración Electrónica, convertendo ao portal nunha porta única de entrada onde o usuario poida acceder á información dun xeito moito máis claro”.
Isto significa varia cousas: unha nova distribución dos servizos e dos contidos e un incremento no número deses servizos e contidos. “Cada vez serán máis os trámites que se poderán levar a cabo de xeito telemático, proceso de renovación que afectará ao que xa se pode facer en liña (mellorándoo) como á posta en marcha de novos procesos”, sinala a Xunta. Respecto á usabilidade, a remodelación baséase en evitar un dos grandes males das páxinas web institucionais: o extravío do internauta no proceso de navegación. Máis polo miúdo, os responsables da renovación queren que a usuaria ou usuario saiba en todo intre en que punto se atopa e cómo accedeu alí. “Con este obxectivo emprégase de xeito uniforme un ton de cor para sinalizar as zonas activas e cunha iconografía representativa de seccións, servizos, colectivos e áreas temáticas”.
A Xunta remodela o seu portal na procura dunha meirande interactividade
Compartir Este Artigo
