Na presentación dos seus resultados económicos do último exercicio fiscal, Nintendo adiantou que estaba a preparar unha consola portátil con capacidade 3D sen precisar de lentes para a percepción estereoscópica que podería levar por nome Nintendo 3DS, e finalmente decidiron amosar este novo produto durante o E3 de Los Ángeles. A nova consola portátil vén a ser moi semellante a unha Nintendo DS ordinaria, pero cunha pantalla superior de maior tamaño (3,5 polgadas) que será a que permita a visualización de imaxes estereoscópicas (o que serviría tanto para xogos como para reproducir películas), mentres que a pantalla inferior conserva as funcionalidades táctiles propias desta familia de consolas.
A Nintendo DS tamén incorpora un xiroscopio, un sensor de movemento, polo que podería emular mecánicas de xogo como as do iPhone; incorpora un pequeno joystick en vez da tradicional cruceta; será compatible cos xogos de Nintendo DSi, integra dúas cámaras para poder tomar fotografías en 3D (e outra cámara frontal), e contará non só con moitos títulos emblemáticos de Nintendo (coma a tan agardada revisión do clásico Kid Icarus), senón tamén cunha morea de grandes lanzamentos de terceiras partes, coma Metal Gear Solid, Spinter Cell, Assasin’s Creed, Kingdom Hearts, Resident Evil, Ridge Racer, Street Fighter IV, Saints Row e a saga do Profesor Layton, Ninja Gaiden, Madden, FIFA, DJ Hero 3D, Dead or Alive, ou sexa, que os usuarios hardcore tamén atoparán xogos á súa medida, o que contribuirá a ampliar o abano de usuarios desta consola (que a priori parecería destinada a un público de xogadores ocasionais), aínda que non hai dúbidas sobre o feito de que un dos grandes títulos que arrasarán na 3DS será unha nova versión dos populares Nintendogs.
Polo momento a Nintendo 3DS amosouse en dúas cores (azul e vermello), pero non ten nin prezo nin data de lanzamento, aínda que durante o E3 o público puido probar en primeira persoa a consola, polo que non estamos ante fume, polo que non sorprendería que a compañía nipona estea a reservar o anuncio do lanzamento da Nintendo 3DS para o Tokyo Game Show que terá lugar en setembro, o que aseguraría que a consola estaría á venda durante o Nadal (coma mínimo, no Xapón).
Primeiro e divertido trailer da Nintendo 3DS
A Nintendo 3DS levará as 3D ás consolas portátiles
Compartir Este Artigo
