Tuenti continúa coa identificación de mozos que non cumpran coa idade mínima esixida pola lexislación española e nos primeiros cinco meses do ano 2010 eliminou case 35.000 perfís de menores de 14 anos. A plataforma de redes sociais de máis popularidade entre a mocidade española comezou no mes de abril un proceso de depuración de menores de 14 anos, tras unha reunión coa Axencia Española de Protección de Datos. Naquela ocasión, a rede enviou unha solicitude aos usuarios de perfís sospeitosos para achegar o seu DNI ou pasaporte nun prazo de 92 horas.
O pasado martes, o Valedor do pobo, Enrique Múgica, desvelou no seu informe que, das miles de comprobacións de Tuenti neses tres días do ano pasado, nove de cada dez usuarios non contestaron. Isto implicou o borrado automático do seu perfil (aínda que non precisaron o número total de baixas efectuadas).
Para Múgica, as redes sociais son servizos que exceden o ámbito dun país concreto, polo que apoia a elaboración dun documento común na UE. Así mesmo, recorda que solicitou un informe para «coñecer de xeito pormenorizado» a actuación da Administración neste ámbito, que quedará reflectido no informe do vindeiro ano.
«Os usuarios das redes proporcionan numerosos datos de carácter persoal sen coñecer en moitas ocasións con certeza nin o destino final desa información nin os perigos reais que a súa difusión leva consigo», asegurou Múgica. Non obstante, o informe do ano 2009 unicamente reflicte unha queixa respecto á falta de control nestes servizos.
Tuenti foi a primeira rede social grande en España que adoptou a decisión de prohibir os perfís aos menores de 14 anos de idade. Pola súa banda, Facebook deu o pasado mes de febreiro o paso de subir a idade mínima de 13 (tal e como contemplaba a lexislación estadounidense) a 14 anos.
A pesar destas medidas, as reunións entre Protección de Datos e os responsables de Tuenti e Facebook seguen tendo lugar. O seguinte obxectivo das autoridades é o de encontrar opcións efectivas para restrinxir a indexación de datos en Internet, segundo reflicte o informe do Valedor do pobo.
Tuenti eliminou preto de 35.000 perfís de menores de 14 anos
Compartir Este Artigo
