A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, inaugurou esta mañá o primeiro Punto de Administración Electrónica que o Goberno galego pon en marcha nunha sede administrativa da Xunta de Galicia co obxectivo de modernizar e mellorar a Administración en materia tecnolóxica.
Vigo é a primeira sede administrativa en contar con este servizo electrónico de atención ao cidadán, que serve para axilizar e facilitar os trámites que teñan que realizar ante a Xunta sen ter que acudir á oficina habitual de rexistro ou a calquera outra dependencia.
A última versión da páxina web da Xunta de Galicia, que vén de renovar deseño, ofrece máis de 90 servizos interactivos, 125 servizos de Administración electrónica e máis de 300 ligazóns a unidades de información.
Os cidadáns terán a posibilidade de realizar trámites en algún dos procedementos xa incorporados á tramitación telemática, pero tamén poderán realizar a facturación electrónica, pagar taxas, formular solicitudes, consultar o estado dos seus expedientes, acceder aos servizos multimedia, subscribirse á canle SMS, acceder á toda a rede de páxinas web da Xunta ou consultar publicacións oficiais ou ás páxinas web institucionais de Galicia e España, entre outros servizos. Para levar a cabo a maioría dos procedementos electrónicos, o usuario ou usuaria deberá ter DNI electrónico, certificado dixital ou firma dixital.
Co novo Punto de Administración Electrónica, os usuarios e usuarias poderán navegar pola páxina web da Xunta e polas principais webs institucionais de Galicia e España a través de catro equipos informáticos de última xeración que contan coa máis moderna tecnoloxía e cos que se poderán realizar xestións telemáticas nos procedementos que pouco a pouco se van incorporando dentro do Plan Estratéxico de Modernización da Xunta de Galicia que está a levar a cabo a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Outra novidade para facilitar os trámites aos cidadáns é que se poderán imprimir documentos e, incluso, realizar as fotocopias que sexan precisas para levar a cabo os seus trámites administrativos.
Este novo punto de e-Administración ocupa un espazo duns 6 m2 e está situado na no andar baixo da Delegación Territorial.
Vigo estrea un Punto de Administración Electrónica da Xunta
Compartir Este Artigo
