A resolución orixinal dos vídeos de YouTube soporta agora ata 4.096 x 2.304 píxelesHai anos utilizábase a expresión calidade YouTube para referirse a vídeos moi pixelados e dunha calidade sumamente reducida, pero pouco a pouco o portal de vídeos de Google foi mellorando a calidade e a compresión dos seus clips, de xeito que incorporaron versión de alta calidade (HQ) e optimizada para terminais coma o iPhone, abrazaron a alta definición a 720p e 1080p e, continuando na mesma dirección, veñen de sorprendernos cunha resolución aínda maior, 4.096 x 2.304 píxeles, o que supón un salto de xigante con respecto da alta definición de ámbito doméstico, pero que agradecerán os creadores de contidos cinematográficos, que poden agora subir a YouTube vídeos a unha calidade impresionante que poucos usuarios poderán gozar a pleno rendemento. Actualmente poucos son os equipos informáticos e as pantallas e proxectores capaces de amosar imaxes a estas resolucións de cine, pero con este avance YouTube senta as bases para o futuro, ou incluso para funcionar como plataforma de distribución de contidos para festivais de cine, concursos de curtametraxes ou incluso para películas completas en explotación comercial en salas de exhibición. Polo momento só hai unha pequena selección de vídeos cargados a YouTube a resolución 4K, o que permite comprobar a excepcional calidade deste tipo de contidos.