O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe na delegación da Xunta en Pontevedra a exposición itinerante Galiciadixital, que ofrece unha viaxe interactiva pola comunidade e que acolle tamén unha serie de contidos encamiñados a celebrar os 25 anos de vida da CRTVG.
Rueda subliñou o papel fundamental na consolidación da lingua e da cultura de Galicia que ten xogado a Televisión de Galicia e a Radio Galega ao longo deste cuarto de século de existencia e considerou un acerto celebrar esta efeméride na mostra itinerante Galiciadixital, que no que vai de ano acumulou máis de 16.000 visitantes nas localidades que a acolleron, aínda que de sumarmos as visitas de Galiciadixital na súa sede fixa no Mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela e as da exposición itinerante estariamos a falar de preto de 650.000 persoas dende que botase a andar esta iniciativa no ano 2000.
Os contidos que se exhiben na exposición, que permanecerá en Pontevedra ata o 21 de setembro, son de produción galega e durante este ano a mostra ampliou o seu itinerario para achegarse a centros de maiores e complexos hospitalarios, así como a varios centros de persoas con discapacidade.
Alfonso Rueda inaugurou hoxe en Pontevedra a exposición itinerante Galiciadixital
Compartir Este Artigo
